COLABORACION COA ONG Implicadas no Desenvolvemento

A Rede Galega de Empresas e a ONG Implicadas no Desenvolvemento teñen algo en común: ambas  compartimos os principios que guían a aposta por unha unión entre actividade, cultura e solidariedade, así como o noso respecto pola identidade dos pobos. Foi esta sintonía a que, no mes de maio, levou a Implicadas a solicitar unha xuntanza entre ambas entidades co fin de intercambiar opinións con respecto ás posibilidades de colaboración existentes entre as organizacións.

Hoxe, esa colaboración é xa unha realidade. A Rede Galega de Empresas será parte activa no lanzamento da campaña de Implicadas Cambia de Papel, un proxecto innovador no mundo da cooperación galega ao desenvolvemento en tanto que a colaboración entre ONGDs e empresas é aínda unha realidade pouco explotada na nosa terra. Así, esta pretende ser unha iniciativa pioneira e de referencia no establecemento de sinerxías e pontes de contacto e colaboración estable entre ambos colectivos, facilitando que o sector empresarial galego tome parte na defensa de valores como a xustiza e a igualdade.

Dende este momento, a Rede Galega de Empresas será unha nova ventá aberta, exterior e interior, ao mundo da cooperación. Exterior da man das actividades levadas a cabo por Implicadas, que serán difundidas pola Rede Galega de Empresas a través da súa web. Interior por medio da coordinación dun curso de formación sobre cooperación ao desenvolvemento, que procuraría a posta en común de coñecementos e recursos entre ambas entidades para o desenvolvemento dunha formación de calidade e axeitada aos intereses e inquedanzas das empresas asociadas neste ámbito. Neste mesmo marco de intercambio, ambas entidades programan ampliar esta colaboración, se fose posible, mediante un programa de internacionalización empresarial en Támil Nadu (India), estado no que Implicadas desenvolve os seus proxectos.

Ambas entidades, Rede Galega de Empresas e Implicadas no Desenvolvemento, consideramos que é xa momento de sumar novos recursos económicos e de coñecemento ás nosas actividades, fomentando a colaboración entre ONGDs e o colectivo empresarial galego para apuntalar a continuidade e estabilidade da cooperación galega.