|
Os negocios, unidos á cultura e a solidariedade, contribúen a manter no tempo a identidade dos pobos e alcanzar así un maior nivel de desenvolvemento económico e social que posibilite xerar proxectos que doten Galiza dun espazo económico forte. Como empresarios do país, con capital galego e fiscalidade en Galiza, buscamos colocala nunha dimensión internacional. De aí que esteamos impulsando, como primeiro paso, a Rede de Empresarios Galegos.
Estamos a crear un escenario que posibilite a xeración de confianza entre os participantes da rede, potenciando acordos de cooperación con apoio financeiro, promovendo contactos informais mediante seminarios e encontros intersectoriais, nos que os participantes compartan ideas e proxectos. Dita rede contará con membros presentes en todos os clústers galegos e o noso obxectivo é alcanzar a masa crítica necesaria para promover cambios que frutifiquen en proxectos rentabeis e innovadores.
O obxectivo desta rede é conseguir que a administración se comprometa a investir importantes esforzos para preservar a identidade e a solidariedade entre os galegos residentes na nosa Terra e os do exterior. Esta identificación con Galiza debe perdurar nas novas xeracións creando proxectos de colaboración dentro e fóra de Galiza.
|