Obxectivos

Os negocios, unidos á cultura e a solidariedade, contribúen a manter no tempo a identidade dos pobos e alcanzar así un maior nivel de desenvolvemento económico e social que posibilite xerar proxectos que doten Galiza dun espazo económico forte. Como empresarios do país, con capital galego e fiscalidade en Galiza, buscamos colocala nunha dimensión internacional. De aí que sigamos a impulsar, a Rede Galega de Empresas.

Estamos a crear un escenario que posibilite a xeración de confianza entre os participantes da rede, potenciando acordos de cooperación con apoio financeiro, promovendo contactos informais mediante seminarios e encontros intersectoriais, nos que os participantes compartan ideas e proxectos. Dita rede contará con membros presentes en todos os clústers galegos e o noso obxectivo é alcanzar a masa crítica necesaria para promover cambios que frutifiquen en proxectos rentabeis e innovadores.

O obxectivo desta rede é conseguir que a administración se comprometa a investir importantes esforzos para preservar a identidade e a solidariedade entre os galegos residentes na nosa terra e os do exterior. Esta identificación con Galiza debe perdurar nas novas xeracións creando proxectos de colaboración dentro e fóra de Galiza.

 

OBXECTIVOS:

Promover o coñecemento e o intercambio económico entre os seus membros, coa finalidade de mellorar as nosas economías dunha maneira recíproca mediante proxectos de colaboración que redunden nun maior grao de desenvolvemento social e económico para Galiza.

Propiciar a difusión das innovacións no tecido empresarial galego, fomentándoas mediante a transferencia de coñecemento dende os centros galegos de investigación ás empresas asociadas. Polo xeral, as pequenas e medianas empresas non teñen unha capacidade de innovación moi forte e córrese o risco de ir cara a un estancamento; xa que logo, é moi importante fomentar que a innovación flúa dende os devanditos centros mediante proxectos de colaboración.

Desenvolver acordos de colaboración co mundo científico-técnico e coas universidades galegas para lograr, mediante accións formativas, unha sinopse entre o mundo empresarial e o alumnado.

Facilitar a cooperación e as sinerxías entre as empresas galegas, promover a imaxe de marca galega e fomentar o espírito emprendedor.

Fortalecer o compromiso entre o sistema financeiro e a industria, pois todo o que se faga para fomentar novas ferramentas de financiamento será moi positivo. A creación das redes de investidores privados que creen espazos de confianza para o desenvolvemento de proxectos empresariais innovadores xoga un papel de grande importancia na creación de empresas tecnolóxicas, na consolidación do tecido empresarial do país (business angels) e no capital semente (primeiro investimento externo: xeralmente este investimento utilízase para equipos iniciais, capital de traballo, desenvolver prototipos, lanzar un produto ou servizo novo ao mercado, protexer unha innovación, etc.).