A Feira de Salimat no concello de Silleda

rede2Algunhas das nosa empresas veñen de participar na Feira de Salimat ou tamén chamada feira Internacional de Galiza. Alí, durante catro días, comprobamos a grande capacidade que ten este pais para elaborar e producir produtos de grande calidade no sector da alimentación.

Vimos como se presentaron produtos innovados e derivados dos nosos produtos tradicionais, e comprobamos en coloquios e intercambios de opinións con moitos dos expositores, como estas innovacións se fan na maioría dos casos polos propios produtores e empresas, ao marxe das institucións. Magoa!

Comprobamos alí a imaxinación, inventiva e traballo colosal dos pequenos e medianos produtores, no sector que sexa. Así podemos falar desa empresa de galletas e melindres feitas con fariñas de castaña, que foi a delicia de todas as persoas que tiveron ocasión de saborear; ou os marrón glaçe, e castañas en xarope ou secas vidas das terras de Ourense; ou os meles das montañas de Samos ou os chamados tesouros de Barcala ou de Monfero; as sempre afamadas tortas de Lestedo; os pementos de Herbón transformados en patés de saboroso gusto, os pans de Carral; as carnes e enchidos de Verín, Taboada, A estrada..; os lácteos, con eses iogures naturais e os queixos de leite de ovella e cabra, xunto aos deleites de vaca; as sidras e as multitudes de variedades de marmelos e doces de froitas; os aceites; as fabas de Lourenzá; os mariscos e pescados das nosas rías; os rustidos de xoubas; as conservas de pescado artesanais; os viños do Ribeiro, da Ribeira Sacra, das terras de Arbo, de Valdeorras, das terras de Belesar, das de Ardán, das de Nogueira, de Ribadumia…e os menús especiais de razas autóctonas que nos ofertou TapìRaza, onde degustamos de carnes de razas: Vianesa, cabra galega, tenreira de raza Caldelá, raza de Mos, raza Limiá, ovella galega, raza Frieiresa, Galiña de Mos, raza Cachena, …etc.

É esta unha pequena mostra do traballo e esforzo que fan miles de galegos e galegas por conservar unha produción alimentaria propia. Mostra deses galegos que aspiran a vivir do seu traballos nunhas condición en moitos casos duras, e pouco apoiadas pola administración. Os galegos temos uns sectores produtivos, pequenos medianos, no campo da alimentación, exemplares. Temos xente que quere traballar no campo e producir alimentos, pero , por desgraza non temos unha administración que colabore na potenciación dos nosos sectores produtivos.